Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia avanza coa Fundación Penzol na programación de actividades conxuntas para a posta en valor da obra de Cunqueiro

 Mondoñedo, 6 de xuño de 2019.- A alcaldesa en función de Mondoñedo, Elena Candia, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo en Vigo co presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira, e co seu director, Francisco Domínguez, co obxectivo de programar actividades conxuntas para a posta en valor da obra de Cunqueiro.

Na reunión o Goberno local trasladou a súa intención de programar novos contidos para a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro, que abriu as súas portas o pasado mes de marzo e, desde entón, recibiu multitude de visitas. Trátase, segundo explica Elena Candia, de trazar unha folla de ruta que contribúa a seguir divulgando o legado do escritor.
A alcaldesa en funcións traslada a vontade do Goberno local de que o museo incorpore contido innovador para que siga sendo atractivo e capte a atención e o interese de veciños, visitantes e investigadores.
Candia agradece a collida que lle brindaron na Fundación Penzol e a súa disposición a colaborar, cunha programación na que se avanzará desde hoxe e que se dará a coñecer proximamente.
A Fundación
A Fundación Penzol é unha entidade cultural sen ánimo de lucro situada en Vigo. Creouse en 1963 por iniciativa de Fermín Penzol, cando decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temática galega de acceso público para a investigación.
Desde entón foi enriquecéndose con numerosas e variadas achegas, entre elas os fondos do escritor Álvaro Cunqueiro doados polo seu fillo César Cunqueiro. Máis de 300 cartas, documentos persoais, manuscritos e fotografías do escritor.

Está considerada como un centro de consulta imprescindible para os investigadores da realidade histórica e actual galega nas súas diversas manifestacións.

Exit mobile version