Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O refluxo das marés”, por Xoán Antón Pérez Lema

As dúas grandes novidades das votacións locais do 26-M na Galicia son o grave fracaso do PP e o refluxo das Marés locais.
O PP fracasou no seu obxectivo de recuperar algunha das tres Deputacións que non gobernaba (A Coruña, Lugo e Pontevedra) ou algún dos seis dos sete principais concellos galegos nos que xa estaba na oposición e, ao tempo, perdeu o goberno local de Ourense e a maioría absoluta da Deputación ourensá.
As Marés principais- Marea Atlántica (MA), Compostela Aberta (CA) e Ferrol en Común(FC)-, que acadaran cadansúa alcaldía coruñesa, compostelá e ferrolá, sofriron unha grave derrota. MA e CA perden algo máis de 30 de cada 100 dos seus votos do 2015, mentres FC perde máis da metade. A meirande resistencia de MA e CA explícase pola- relativa- unidade do espazo político que foron quen a manter (non así FC, que o fragmentou co seu sectarismo) e, no caso coruñés, pola boa imaxe do até de agora alcalde, que compensou parcialmente a evidente falla de equipa de goberno.
No caso de MA e CA, os tres principais problemas amosados polas Marés son i) a falla de xestión transformadora ii) a falla dunha política de apertura e de atracción da sociedade civil e iii) A falla don modelo de cidade.
Non houbo xestión transformadora. MA e CA non se decataron que os sectores sociais que os votaron son os máis esixentes nis seus requirimentos de boa xestión e gobernanza, porque son os que máis precisan desta. MA e CA non foron quèn a tecer alianzas municipais para aprobar o marco orzamentario preciso para a súa xestión. A falla de experiencia e, nalgúns casos, de actitudes e mesmo de aptitudes dalgúns membros do goberno fíxolles fracasar nesta cuestión fulcral.
Tampouco se transmitiu un modelo de cidade, que, en troques, si transmitiron no seu día Fdz. Lores e Anxo Quintana en Pontevedra e Allariz. O elector pode perdoar deciciencias na xestión se albisca futuro. E aquí non se proxectou futuro.
Tampouco houbo apertura á sociedade civil e, en troques, si existiron certas actitudes radicalizadas ou minorizantes impropias de partidos que obtiveron un apoio transversal. Actitudes afastadas da liña xeral da xente do común.
Porén, non sería xusto deixar de recoñecer que a nova política deixa unha pegada clara na gobernanza local das cidades galegas que administraron. A honradez na xestión (na Coruña, tamén, a transparencia), a renda social básica, o foco sobre os coidados e mais a prevención a respecto das grandes obras non necesarias constitúen unha herdanza que habería ser asumida por calquera goberno progresista que os substitúa.

Exit mobile version