Burela 13-6-19. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, xunto co Alcalde de Burela en funcións, Alfredo Llano García, presentaron, a Copa de S.M. A Raíña de Fútbol Sala, que se celebrará o próximo fin de semana, fixérono acompañados do Director do Comité Nacional de Fútbol Sala, José Miguel Calle Echevarría, e o Presidente do Club Deportivo Burela FS, Manuel Blanco Fanego. É a terceira vez que a vila mariñá acolle esta Copa de España, que celebra a súa XXV Edición estreando a nova denominación de Copa da Raíña, co permiso da Casa Real.
García Bermúdez destacou “as rapazas do Pescados Rubén Burela FS son as subcampioas tanto de Liga, na que empataron a puntos coas campioas, como da Copa; agardamos que rodeadas da súa afección consigan facerse co título neste 2019 cheo de alegrías para os laranxas, froito do traballo e a entrega tanto do equipo masculino como do feminino”.
“Esta é unha oportunidade para a Mariña e para toda a Provincia, nun momento no que o deporte feminino, por fin, comeza a valorarse e, en concreto, o fútbol está en alza, acollemos aos oito mellores equipos de fútbol sala de España, xunto con eles virán centos de afeccionados que se achegarán a desfrutar dos encontros, converteranos nunha referencia no deporte e dinamizarán toda a comarca” explicou García Bermúdez.
Burela xa acolleu en outras dúas ocasións a Copa de España de Fútbol Sala Feminino, en 2011 e en 2014, e chegou a catro finais, conseguindo, en 2013 o título. Nesta Edición a Copa da Raína enfrontará aos 8 primeiros equipos da clasificación da Liga Regular: o CD Futsi Atlético Navalcarnero, o Pescados Rubén Burela FS, o Ourense CF Envialia, o Jimbee Roldán FSF, o Poio Pescamar FS, o AE Penya Esplugues, o Universidad de Alicante e o AD Alcorcón FSF. Os cuartos de final e a semifinal serán o sábado, mentres que o domingo as 17:00 horas disputarase a final.