Ribadeo 23-6-19. O atleta ribadense Brais Díaz Salas, participou na matinal deste sábado, no Campionato galego sub14 de atletismo ó aire libre que se celebrou nas pistas Gregorio Pérez Rivera de Lugo.
Brais participaba nas dúas probas que máis traballou nesta temporada, cuns excelentes resultados, dúas medallas de prata.
Ás 10 da mañá era a quenda do lanzamento de peso, onde Brais partía coa 3ª mellor marca dos participantes. Unha gran participación cuns rexistros de 10,91-10,30-10,11-10,53 m., levaríao a acadar o subcampionato galego e unha mellora de 5 cms. na súa plusmarca persoal.
Un par de horas máis tarde competía en xavelina, onde se cumpriron os pronósticos, partía coa 2ª mellor marca e remataría coa medalla de prata, cuns lanzamentos de 30,30-X-27,27-28,88 m., o que o levaba ó segundo caixón do podium.
Con esta competición, Brais da por rematada unha extraordinaria tempada en pista, cun bronce no Campionato galego en pista cuberta, dúas pratas no galego en aire libre, dous ouros e un bronce no Campionato provincial de aire libre e unha meritoria 6ª praza no campionato de España de clubs.