Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG e PSOEe reúnense este luns en Barreiros a iniciativa do BNG

Barreiros, 8 de xuño de 2019. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de poñerse en contacto co PSOE para manter unha primeira toma de contacto na que presentarán o proxecto que pretenden levar a cabo nos vindeiros catro anos.
A xuntanza será o vindeiro luns ás 17 horas no centro sociocultural, porque “non temos que andar ás agochadas. As veciñas e veciños decidiron que o BNG gobernase e nós comprometémonos a facelo con transparencia. Se para poder gobernar temos que falar con alguén, tamén o imos facer con transparencia.”
Por parte do BNG acudirá unha delegación da asemblea local conformada por catro persoas e trasladáronlle ao PSOE a idoneidade de que acudan varias persoas que representen ao partido, “porque as persoas que se presentan a unhas eleccións fano baixo unhas siglas ás que as veciñas e veciños tamén valoran e votan.” Por parte da formación nacionalista acudirán, ademais da candidata á alcaldía, Ana Ermida; a responsable local da organización frontista, Belén Fernández e os membros do consello local e da candidatura, Xoán Manuel Díaz e Suso Díaz.
Desde o BNG manifestan que se puxeron en contacto co PSOE unha vez reunida a asemblea local e os organismos comarcais e nacionais e coñecidos os criterios marcados pola organización para a conformación de gobernos municipais. “As veciñas e veciños de Barreiros puxeron a súa confianza en nós para traballar no futuro do Concello. E facelo con responsabilidade implica non precipitarse e tomar decisións sosegadamente e analizando as consecuencias. Desde o BNG estaremos á altura das circunstancias e responderemos ao mandato da veciñanza do pasado 26 de maio. Agardamos que o resto de forzas políticas estean á altura”, manifestan.
A formación nacionalista trasladaralle ao Partido Socialista a posibilidade de facilitar a posta en marcha dun novo modelo de política e de xestión en Barreiros, fronte ao continuismo do goberno de Alfonso Fuente no municipio.

Exit mobile version