Durante a súa intervención a conselleira salientou o papel das bibliotecas escolares como motores de innovación nos centros educativos. “Nelas é onde primeiro se van adaptando as tendencias en aprendizaxe participativo, con enfoques acordes ás formas de acceder á información e de construír o propio coñecemento”, dixo. Así mesmo destacou a súa importancia na adquisición das competencias básicas do alumnado, ao funcionar como “centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, que axudan á consecución dos obxectivos educativos”.
Carmen Pomar explicou que se está a avanzar con firmeza cara a un modelo de biblioteca inclusiva, “que responda, de xeito real, ás necesidades de todo o alumnado e que enfronte os retos que a diversidade presenta”. “As experiencias que se están a levar a cabo na Microrrede son un moi bo exemplo deste papel, así como do compromiso das comunidades educativas coa formación dos máis novos”, sinalou, felicitando a docentes, alumnado e familias implicadas polo traballo realizado.
As xornadas A Poesía que sentimos desenvolveranse os días 4, 5 e 6 de xuño en Viveiro. Tras a inauguración desta tarde celebrouse un recital poético a cargo das nenas e nenos da EEI San Roque, así como dúas actuacións do Conservatorio de Música de Viveiro. A xornada inaugural contará tamén cun recital poético do creador de historias Antón Cortizas e coa intervención artística da asociación Tá en Artes, que pintará en directo na rúa trasladando as palabras poéticas ao debuxo para espertar emocións.
O mércores será a quenda do teatro, cunha obra contra o acoso escolar da agrupación teatral da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A mariña, Es único: teatro contra o bullying. O xoves pecharanse as actividades cun concerto audiovisual a cargo de David Catá e Juan Cabalar e coa presentación do libro Esta non é outra historia de piratas, da mestra e escritora María Rollé.
As xornadas complétanse cunha exposición de traballos elaborados polo alumnado dos centros educativos que compoñen a Microrrede A Mariña, que se pode visitar no salón multiusos do Concello de Viveiro. Ademais, o Centro Comercial Histórico difundirá a poesía oral en voz das nenas e nenos por megafonía nas rúas do casco histórico e os establecementos da zona exporán tamén a poesía manuscrita feita polo alumnado.
Na Microrrede A Mariña participan as biblioteca escolares da EEI San Roque (Viveiro), do CEP Lois Tobío (Viveiro), do CEIP de Celeiro (Viveiro), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), do CEIP de Cervo (Cervo), do CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela), do CEIP Castro de Ouro (Alfoz), do CEIP Fondo-Nois (Foz), do IES María Sarmiento (Viveiro), do IES Vilar Ponte (Viveiro), do IES Perdouro (Burela), do IES Monte Castelo (Burela), do IES Illa de Sarón (Xove) e da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo
Poéticas diversas
A consigna escollida este curso desde a Consellería, Poéticas diversas na biblioteca escolar, apunta cara a biblioteca escolar, os seus recursos e posibilidades como un lugar privilexiado para estimular o descubrimento da poesía, que se atopa en todos os lugares: nas paisaxes, na música, no cine, na palabra dos poetas, na tradición oral ou no último descubrimento científico. Poéticas Diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades e a que o alumnado descubra a tradición lírica da nosa Comunidade.