Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro insta ao Concello de Ribadeo a solicitar cursos de formación para socorristas para evitar os problemas de contratación destes profesionais na tempada de verán

Lugo 13-6-19. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, remitiu unha carta ao alcalde de Ribadeo sobre o servizo de salvamento de praias. No texto lembra que esta é unha competencia municipal e, a pesar disto, os concellos contan co apoio e cooperación da Xunta de Galicia que se materializa fundamentalmente de dous xeitos: financiando desde a administración autonómica o custe de contratación de parte destes socorristas e, tamén, previa solicitude dos concellos, financiando o custe de impartir o curso para a formación destes profesionais.

Balseiro insiste na importancia de solicitar estas accións para formar novos socorristas porque deste xeito se contribuirá a paliar carencia de candidatos para cubrir estes postos na tempada de verán e, nesa liña, lamenta que o Concello de Ribadeo non fixera uso desta oportunidade.

O delegado aclara tamén que os cursos de socorrismo en instalacións acuáticas ou en espazos naturais que oferta a Xunta a través do programa anual de accións formativas dirixidas preferentemente a persoas desempregadas (AFD), están financiados ao cen por cen pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que non teñen custe para o Concello e, o que aínda é máis vantaxoso, son gratuítos para o alumando. Tamén explica que estes cursos teñen unha duración de 438 horas e dan dereito a obter o certificado de profesionalidade que habilita a exercer esta actividade.

Exit mobile version