Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos aluden “ás chamadas recibidas nas nosas oficinas por parte de asociados de hostalería, de comercio e tamén de servizos nas que nos alertaron da alarmante presenza de mosquitos de pequeno tamaño nas súas instalacións. É un problema que está afectando gravemente á zona do porto, pero xa se está a notar no casco urbano de Ribadeo, onde a hostalería está moi preocupada debido á súa actividade, ás tapas, racións e comidas que serven. É terrible ver unha tapa ou un prato cheo de mosquitos. Ou estar a tomar algo nunha barra cos mosquitos enriba de ti”.
A directiva de Acisa subliñou que “estamos a piques de iniciar a tempada alta en Ribadeo e estamos moi preocupados por esta situación, sobre todo porque se trata dun asunto relacionado coa saúde pública e coa mala imaxe que nestas datas, ás portas do inicio do Ribadeo Indiano, podemos ofrecer por mor desta praga de mosquitos”.
Desde Acisa reclaman a Portos de Galicia que “tome as medidas axeitadas o antes posible para poñer fin a esta situación e que Ribadeo luza a mellor imaxe posible durante este verán, no que agardamos recibir a milleiros de persoas que nos elixen para visitar lugares emblemáticos ou para pasar aquí as súas vacacións”.
O pequeno comercio para os máis pequenos
Mañá, 29 de xuño, terá lugar un obradoiro destinado aos nenxs que leva por título O pequeno comercio para os mais pequenos. Vaise desenvolver no centro de ocio infantil Con Sentidiño, que é un establecemento asociado a Acisa. A actividade, que é gratuíta, dará comezo ás 19 horas.
Ademais de contacontos os nenos e nenas participarán nun taller de debuxo no que elaborarán carteis para incentivar as compras no pequeno comercio, no que temos a carón da casa. O obxectivo desta cita “é concienciar aos máis pequenos da importancia que o comercio local ten para un pobo como Ribadeo”.