A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 28 de xuño ao 18 de xullo na Sala de exposicións da Oficina de Turismo de Ribadeo (Praza de España, s/n), de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h. Domingos en horario de 11.00 a 14.00 h. Os luns permanecerá pechado. A partir do 1 de xullo o horario de visita será todos os días de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.