Todos os proxectos subvencionados polo Goberno autonómico deberán desenvolverse en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións que se levarán a cabo ao amparo desta orde de axudas están melloras nas instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas, adquisición de equipamento audiovisual ou a compra de material escénico, entre outras.
A Consellería de Cultura e Turismo considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades con menor poboación, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura.
Proxectos nas catro provincias
Ao abeiro da orde de axudas impulsada pola Xunta realizaranse proxectos nas catro provincias. Concretamente, o Goberno autonómico destinará máis de 140.000 euros a mellorar os equipamentos culturais da provincia de Lugo. Neste senso, levaranse a cabo accións nos concellos de Riotorto, Monforte de Lemos, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil, Burela, Xermade, Chantada, Bóveda, Guntín, Pol, Valadouro e O Vicedo.
No caso da provincia da Coruña, a partida achegada pola Xunta é de case 110.000 euros, os cales se repartirán entre os concellos de Bergondo, Touro, Boqueixón, Dodro, Lousame, Mañón, Porto do Son, Padrón, Pobra do Caramiñal, Narón, Miño, Malpica de Bergantiños e Oza-Cesuras.
Muíños, Parada de Sil, Xinzo de Limia, Barco de Valdeorras, Cortegada, Mancomunidade Terra de Celanova, Monterrei e Viana do Bolo son os concellos da provincia de Ourense que contarán con axudas para mellorar os equipamentos culturais. En total, a achega da Xunta para esta provincia é de preto de 110.000 euros.
Por último, cómpre destacar tamén que na provincia de Pontevedra executaranse sete proxectos que contarán cun investimento de máis de 90.000 euros. As accións levaranse a cabo nas instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais dos concellos de Meis, O Grove, Cerdedo-Cotobade, Oia, Ribadumia, Sanxenxo e Cuntis.
A axuda máxima para cada beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90% do orzamento total do proxecto subvencionable
Subvencións a entidades locais para o equipamento e a mellora das instalacións
E locais utilizados para a realización de actividades culturais. 2019 (DOG 26 de xuño)
Concello do Vicedo: Mellora da accesibilidade da casa de cultura. 22.375,31 €
Concello de Riotorto: Equipamento tecnolóxico do Centro Sociocultural Avelino Díaz. 4.373,64 €
Concello de Monforte de Lemos: Téxtiles escénicos para o salón de actos da casa da cultura. 999,94 €
Concello de Ribeira de Piquín: Intervención dotacional para usos culturais da Escola Vella de Chao de Pousadoiro. 30.000,00
Concello de Ribas de Sil: Adquisición de equipamento dos locais do futuro xeoparque Courel Montains. 16.224,50 €
Concello de Burela: Mellora da iluminación e do son do auditorio municipal. 4.483,48 €
Concello de Chantada: Equipamento para a biblioteca pública municipal. 2.374,90 €
Concello de Bóveda: Investimento na biblioteca pública municipal. 6.939,70 €
Concello de Guntín: Equipamento e mellora da casa da cultura. 30.000,00 €
Concello de Pol: Acondicionamento e equipamento do arquivo municipal. 16.034,61 €
Concello do Valadouro: Equipamento do Centro Sociocultural, Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo. 4.838,04 €
Concello de Xermade: Mellora e equipamento na biblioteca pública municipal. 2.877,48 €
12 CONCELLOS: 141.521,60 €