Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora coa Federación de Rugby cedendo as instalacións da Devesa, en Ribadeo, para as concentracións das seleccións galegas

Ribadeo, 05 de xuño de 2019.- A Xunta vén de autorizar á Federación Galega de Rugby a utilización das instalacións do campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo, para a celebración das concentracións das diferentes seleccións galegas.

Así o explicou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, quen apuntou que a Consellería de Política Social colabora así co colectivo, que poderá ocupar este espazo de venres a domingo, entre setembro deste ano e xuño do 2020, para a celebración das concentracións das diferentes seleccións Sub14, Sub18, Sénior Masculina, Sénior Feminina de rugby XV e Sub16, Sub18 e Sénior Masculina e Feminina de rugby VII.

A Federación solicitou á Xunta o uso dos pavillóns de liteiras e do comedor para desenvolver as actuacións sinaladas nesas datas, nas que non concorren con outras actividades propias do albergue.

Balseiro tamén valorou que deste xeito se lle dá “un máximo aproveitamento” ás instalacións da Devesa, axeitadas para desenvolver actividades xuvenís, deportivas e culturais, e salientou ademais que a Consellería de Política Social ten previsto executar obras de mellora neste espazo. En concreto, indicou, acometerase o cambio da fontanería, para o que se investirán 120.000 euros.

Exit mobile version