Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova área de servizo que está a construír O Rei das Tartas a carón da A-8 terá un punto de información turística de Mondoñedo

 Mondoñedo, 29 de xuño de 2019.- A nova área de servizo que está a construír a carón da Autovía do Cantábrico (A-8) Carlos Folgueira, propietario de O Rei das Tartas, terá un punto de información turística de Mondoñedo. Así o acordaron o responsable desta coñecida empresa e a alcaldesa da localidade, Elena Candia, logo dunha reunión a dúas bandas, co fin de promocionar e dar a coñecer os recursos turísticos do municipio.
Para a rexedora local trátase “dunha noticia moi satisfactoria”, xa que está situada nunha das principais vías de comunicación non só da provincia, senón tamén de Galicia, ao conectar A Mariña e Lugo con Asturias e o resto da Comunidade.
Os obras do novo proxecto empresarial atópanse nun elevado grao de execución e dispoñen dun orzamento de arredor dos 1,3 millóns de euros. O punto de información súmase así ao resto de servizos que prestará esta instalación como son o de repostaxe as 24 horas, restaurantes con terrazas na parte inferior e superior, parques e unha ampla zona de aparcadoiro para camións e todo tipo de vehículos.
“Espírito emprendedor”
Neste senso, a alcaldesa subliña “a forte aposta” do empresario, pois a entrada en funcionamento desta área tamén supón a creación de máis dunha ducia de postos de traballo. “Carlos herdou do seu pai o seu espírito emprendedor”, polo que “é, sen lugar a dúbidas para Mondoñedo, unha honra contar con empresarios que apostan polo noso, pola nosa xente e o noso pobo”.

A rexedora local, quen está a demostrar un notable compromiso por impulsar a potencialidade turística local dende que chegou ao cargo e que aumentará coa nova área de goberno destinada a poñer en valor o Camiño de Santiago, amosa así a súa satisfacción pola iniciativa e agradece ao responsable de O Rei das Tartas a súa disposición por colaborar na promoción do municipio.

Exit mobile version