Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Concellos da Mariña celebrará o vindeiro 26 de xuño unha xuntanza da comisión de contas para facer balance do ano

A Mariña, 20 de xuño de 2019. A Mancomunidade de Concellos da Mariña celebrará o vindeiro 26 de xuño unha xuntanza da comisión de contas para facer balance do ano. O presidente, Alfredo Llano, destaca a cantidade de actividades que se están a realizar como o plan de emprego, a formación, as rutas de artesanía ou programa Catuxa, entre outras.
Llano anunciou que “o próximo 26 de xuño temos convocada unha comisión especial de contas da Mancomunidade. Nesta comisión estamos soamente os representantes dos Concellos que normalmente somos os alcaldes, aínda que nalgún caso pode vir outro representante”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña explicou que “imos tratar o estado das contas, dos gastos e os ingresos, a estas alturas. Este ano estamos tendo un orzamento extraordinario con respecto a outros anos, que rolda os 600.000 euros e ven derivado da cantidade de actividades que se están levando adiante na Mancomunidade. Por un lado as subvencións para contedores, por outro o plan integrado de emprego que se está levando perfectamente, e tamén o gasto que deriva doutras aplicacións que se están facendo estes días como a formación para a hostalería e as guías dos artesáns, ademais doutros para mellora de servizos e tratamento de turismo”.
Alfredo Llano salientou que “outra cousa que remata estes días, ademais cun éxito importante e moita participación, é o programa Catuxa. Este foi un premio do Plan Coopera da Xunta que tivo moita actividade. É interesante o que se fixo porque nos dá pé a volver solicitalo posiblemente para o ano que ven. Nesta comisión imos tratar o apartado dos gastos, pero tamén outras cousas que temos pendentes na Mancomunidade. Entre todos chegaremos a un acordo para deixar todo listo para a seguinte lexislatura”.

Exit mobile version