Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia o peche de camas e a redución dos quirófanos previsto para o verán no Hospital da Mariña

cof

Burela a 21 de xuño de 2019. A CIG-Saúde da Mariña denuncia o “peche de camas” durante o período estival no hospital e amósase “indignada” polo intento da Xerencia de intentar normalizalo a través de xustificacións como pode ser o descenso na actividade asistencial, as vacacións do persoal facultativo e a non cobertura das mesmas, e as obras. Un argumentario que consideran “absurdo e inexacto”.
PECHE DE CAMAS.
Desde a central nacionalista denuncian o peche de 9 camas na unidade de hospitalización de cirurxía e 9 camas na unidade de traumatoloxía “ao que temos que sumar as 12 camas pechadas por obras, é dicir 30 camas en total”, explican.

MENOS QUIRÓFANOS E INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS.

O sindicato nacionalista tamén denuncia publicamente a redución da actividade cirúrxica. “Soamente haberá dous quirófanos programados e un quirófano urxente ao día”, afirman.

CONSECUENCIAS ASISTENCIAS E LABORAIS.

A CIG-Saúde denuncia que o peche de camas ten consecuencias no eido asistencial e no eido laboral. Explican que, no eido asistencial, provoca un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidos/as”.
“Outra das consecuencias será o aumento do traslado e ingreso de pacientes do Hospital de Burela a Lugo, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Xerencia nun Hospital que remata de ser ampliado”, afirman.

Ese é precisamente o seu obxectivo político, “afondar no desmantelamento da sanidade pública para beneficiar á sanidade privada”.
No eido laboral a CIG-Saúde denuncia que por mor do peche de camas producirase un recorte de persoal nas devanditas unidades de hospitalización, suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite (na que unha soa enfermeira e unha soa TCAE serán as responsables de prestar os coidados a 15 pacientes, e asumir as posibles urxencias e complicacións a maiores do traballo programado). Isto incrementa o desemprego xa que non se substitúen as titulares que collen vacacións e afonda aínda máis na precariedade laboral do persoal sanitario.
XESTIÓN INEFICAZ E INTENCIONADA.

Fronte a isto, a CIG-Saúde afirma que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos de interior tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fora”.Indican, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”
A CIG-Saúde alerta de que a consellaría de Sanidade o modelo político da Consellería de Sanidade o que pretende realmente co peche de camas é provocar a derivación de doentes á sanidade privada. Lembra que xa no seu momento denunciou que na Lei de Garantías se recolle que de non cumprirse os prazos previstos na sanidade pública a atención sanitaria será realizada na sanidade privada.
Tal é así que mentres pechan camas nos hospitais públicos mantense e mesmo se incrementa, durante ese período, a actividade na privada, dende a actividade cirúrxica até a realización de probas diagnósticas.
Estes son, para a CIG-Saúde, os verdadeiros motivos do peche de camas e da paralización da actividade nos hospitais públicos.

Exit mobile version