Ao longo dos tres días, o Serán’02 despregará un intenso programa enteiramente de balde con concertos de bandas de música das catro provincias galegas, así como diversas formacións infantís e xuvenís. Entre as bandas que protagonizarán este evento multitudinario atópase a Banda de Música Sons e Soños de Outeiro-Rábade-Begonte, que interpretará un dos concertos centrais do encontro, no mediodía do domingo 30 de xuño. Tamén a sección infantil da banda ofrecerá un concerto na tarde do venres, ao igual que a banda municipal O Landro de Viveiro, que neste caso tocará noutro concerto infantil o domingo pola mañá. O encontro conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.
Baile das Irmandades da Fala
Outro dos pratos fortes do Serán’02 será o Baile Irmandades da Fala, que transformará a praza central do Gaiás nunha verbena ao estilo de comezos do século XX convidando aos asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar ao son das bandas de música de Lalín, Santa Cruz de Ribadulla, Unión Musical de Valladares e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.
A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.
Principais concertos
No Serán’02 tamén poderemos gozar na noite do venres dun man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela– ou dun concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol na mañá do sábado.
Xa na xornada do domingo, pechará o evento un dos concertos elixidos no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de Saliceta, un espectáculo no que Banda de Música de Salceda de Caselas interpretará unha suite tradicional galega incorporando música coral e tradicional que servirá como peche destes tres días de música no Gaiás.
Programa para todo tipo de público
Cabe lembrar que no Serán’02 participarán algunhas das mellores bandas de Galicia, como o acreditan os recoñecementos recibidos en certames nacionais e internacionais. É o caso precisamente da Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; ou de A Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.
Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais con músicos de recoñecido prestixio, conferencias ou mesas redondas, como un plan familiar de fin de semana. Ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, o público asistente poderá visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás. En www.cidadedacultura.gal pode consultarse polo miúdo o programa, enteiramente de acceso libre e de balde.