As populares considera que o socialista “perdeu unha ocasión de ouro para solicitarlle á subdelegada do Goberno que cumpra cos prazos que estaban estipulados en relación á nova autovía A-74, e que o Goberno Central licite dunha vez a redacción do proxecto construtivo, cousa que xa se tiña que ter feito en setembro ou outubro pasados”.
Oroza e Álvarez indicaran que o PP presentou unha moción no pleno celebrado o 29 de novembro do ano pasado solicitando a mellora da sinalización de Burela e do Hospital tanto na A-8 como na N-642. Finalmente, esta foi rexeitada polo PSOE, aludindo a que xa existía un compromiso da subdelegada do Goberno ao respecto. Pero a estas alturas están sinalizados O Valadouro, Alfoz, Riotorto ou Trabada, pero non Burela, co que deducen que “as xestións de Llano chegan moi tarde, e xa veremos cando se fan realidade, se chegan a facerse”.
As candidatas do PP amósanse convencidas de que “a credibilidade de Llano está baixo mínimos: este é outro anuncio cheo de fume, como o foron o cambio de ubicación do mercado, a traseira de Capitanía, o parque empresarial do Perdouro, o novo pavillón, ou mesmo a reforma do Vista Alegre ou a Relación de Postos de Traballo”. Neste senso, afirman que “é tan pouco crible porque mesmo se atreve a ter en estado lamentable e con risco para os peóns o muro sobre a beirarrúa na intersección de Eijo Garay coa Rúa do Berbés: a dez días das festas patronais, Llano e Fernández Rey teñen o muro en situación perigosa nunha zona pola que pasarán durante o fin de semana grande das Festas miles de persoas”, pero non lles estraña porque “iso mesmo está a suceder co estado no que se encontra a grada do campo de fútbol da Marosa, onde se está a poñer en risco a seguridade de tódolos afeccionados que acoden a este estadio”.