Burela 4-5-19. Vista Alegre e os Campións despedíronse esta tarde de Segunda LNFS cunha de cal e outra de area ante FC Barcelona Lassa B (2-5), na última xornada de liga. Os de Juanma Marrube saltaron á pista concienciados, con comodidade e coas cousas claras, xogando de ti a ti fronte a un rival moi disciplinado e ordenado; así puideron chegar ao tempo de descanso con vantaxe de 2-1 e ata merecendo máis. Con todo despois, faltoulles profundidade e o visitante aproveitou.
Un saque de córner de Pope (minuto 3), que introduciu en propia porta Juan José, e un disparo cruzado de Matamoros desde a banda (minuto 12) déronlle unha boa vantaxe aos de Juanma Marrube na primeira parte. O terceiro mariñán resistiuse, malia que os locais dispuxeron duns segundos de ouro, no 14, en avalancha con dúas grandes ocasións de Matamoros en alternancia con outras dúas de Renato, que evitou o pau. Perdoaron os galegos e conxunto catalán aproveitou para reducir distancias no 15, cunha xogada entre Juan José e Khalid, recortando este último a Imanol.
O perigo na segunda parte tivo máis cor blaugrana, cos bloqueos oportunos do 23 laranxa ante Hugo Alonso e Juan José. Quixo a mala fortuna que no minuto 28, en pase de Renato a Imanol, Nil fixese acto de presenza para anotar o empate. Respondeu o Pescados Rubén con Matamoros liderando o xogo de cinco. Tan só un minuto despois, Khalid, en galopada pola banda con Lucho, adiantou o Barcelona por primeira vez no partido, con 2-3. No 35, saltou Renato como porteiro-xogador; non atopou premio a escuadra laranxa, pero si o fixo o conxunto visitante con igualdade numérica en ambas as filas, no 37, cun disparo afastado de Khalid en carreira (2-4). Estiveron moi preto Pope, de lonxe, e Iago Míguez, case sen ángulo. O definitivo 2-5 asinouno Nil a falta de 34 segundos, a porta baleira.
Copa Galicia, As Pontes
Coa liga clausurada, os burelistas volverán aos adestramentos mañá pola mañá para prepara a fase final da XXVIII Copa Galicia, que se disputará nas Pontes o luns e martes. Os mariñáns enfrontaranse na primeira semifinal a Santiago Futsal ás 18.30 horas. Ás 20.30 mediranse O Parrulo FS Ferrol e Noia Portus Apostoli. A final será o martes ás 19.00 horas.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Imanol CD, Joselito, Iago Míguez, Porto, Juanfran, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Lucho, Hélder, Renato, Matamoros, Nito
FC Barcelona Lassa B: Sahuquillo, Khalid, Roberto, Nil, Juan José, cinco inicial; tamén xogaron Rufino, Hugo Alonso, Daniel, Jesús Sancho, Juan Fran, Pau Recasens, Álex Lluch
Goles: 1-0, minuto 3, Juan José (p.p.); 2-0, minuto 12, Matamoros; 2-1, minuto 15, Khalid; 2-2, minuto 28, Nil; 2-3, minuto 29, Khalid; 2-4, minuto 37, Khalid; 2-5, minuto 40, Nil
Árbitros: Calleja Rubio // Hevia Campa (Asturias). Por Burela amarela para Renato (minuto 28)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 30 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre cuns\/as 700 espectadores/as. Edu foi recoñecido co Trofeo Sandoz ao Mellor Xogador 2018-19, por xentileza de Kessarys Joyeros e grazas á valoración, xornada a xornada, de técnicos, prensa e afección.