Site icon Crónica3.com A Mariña

Via Alfoz presenta o seu programa

Alfoz, 17 de maio de 2019. Coa intención de expoñerlle ao electorado o seu programa de goberno, este sábado 18 de maio ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, celebrarase un acto público no que VIA presentará “48 compromisos por Alfoz realistas, realizables e, sobre todo, necesarios para garantir o futuro do noso concello”, tal e como apuntan desde a Dirección Executiva.
O acto vai contar coa intervención de varios membros da candidatura, concretamente intervirán Efigenia Maseda, presidenta de VIA ALFOZ e número catro na candidatura, Eliseo Lorenzo, un dos novos membros da candidatura e número tres da lista, Carmen Geada, segunda na lista e actual Concelleira de Igualdade e Benestar, e Xabier Pardiñas, candidato á alcaldía. Ademais contarán coa participación de Francisco Xosé Fernández Montes, alcalde independente de Rábade, “quen nos transmitirá a súa experiencia como alcalde independente, pois as administracións deben estar ao servizo do pobo e non dos partidos”, apuntan desde VIA. Xabier Pardiñas indica que “nós non temos presidentes ou deputados que nos veñan aquí falar da obra e milagres dos seus partidos, tan só queremos falar do noso concello, e quen mellor o coñece é a xente que desenvolve nel a súa vida”, engadindo que “quixemos contar coa presenza de Quico como exemplo de que os partidos independentes sabemos gobernar os pobos, sen ataduras políticas e pensando unicamente na veciñanza”.
O programa de VIA ALFOZ vén resumido en 48 compromisos baixo o lema “4 anos, 12 meses… 48 compromisos”, onde se xuntan propostas necesarias e realizables na vindeira lexislatura e coas que VIA pretende “escoitar aos nosos veciños á hora de tomar decisións, garantir un ensino público de calidade, defender o noso tecido empresarial e potenciar novas oportunidades de negocio, dotar de vivenda á xente nova e, sobre todo, traballar convencidos de que Alfoz ten futuro”
Segundo Indican desde VIA, o acto realizase coa intención de que “os veciños e veciñas de Alfoz nos dean a súa confianza, pois queremos ser a opción que lidere o futuro de Alfoz, convencidos de que esta lexislatura foi un punto de inflexión e agora toca consolidar o verdadeiro cambio”.

Exit mobile version