O Vicedo, 17 de maio de 2019. O PSOE do Vicedo presentou este venres a candidatura coa que participa nas Eleccións Municipais do 26 de maio e que encabeza o actual voceiro local, Vicente Parapar. Estivo arroupado polo Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e compañeiros da Mariña.
Vicente Parapar subliñou que “tras máis de 10 anos de parálise do PP é o momento de achegar aire novo ao Vicedo e ofrecer políticas reais para os nosos veciños porque o municipio non avanzou en nada. Necesitamos un Concello que estea ao servizo das persoas e que o acceso destas á administración sexa sinxelo, áxil e eficaz. Propoñemos un Concello plenamente democrático facilitando a participación cidadá e garantindo a máxima transparencia na toma de decisións. Queremos que todos os veciños teñan as mesmas oportunidades. Isto só será real da man do PSOE. Ao igual que o facemos dende o Goberno da Deputación, a única institución comprometida en solucionar os problemas dos veciños do Vicedo”. Neste eido o Presidente da Deputación puxo en valor os 1,4 millóns de euros que o PSOE dende o Executivo Provincial destinou ao Concello para mellorar as prestacións públicas municipais, como a mellora de accesos en Tellado, Mosteiro, San Roque e Pontellas, a renovación do alumeado na Praia da Abrela ou a rehabilitación da Casa do Mar, entre outras.
Compromiso co benestar dos veciños
O candidato sinalou que “un dos eixes vertebradores das nosas políticas é o benestar dos nosos veciños. Para iso poremos en marcha o centro de día na Casa do Mar, unha dotación fundamental para un Concello como o noso cunha poboación envellecida que necesita de atención profesional diaria. Tamén ampliaremos o números de horas do Servizo de Axuda no Fogar porque é inconcibible que nun municipio de 1.700 habitantes teñamos a persoas maiores en lista de espera. Ofreceremos axudas ás familias para á adquisición de material escolar, transporte, libros e matrículas para os estudantes do noso Concello e estudaremos, xunto con nais e pais, os horarios do PAI para lograr unha verdadeira conciliación da vida laboral e familiar”
Máis emprego e axudas ás novas empresas
“Desenvolveremos un programa de emprego a través dun rexistro municipal de demandantes de emprego e estudaremos o impulso de novas actividades para a creación de postos de traballo. Ofreceremos axudas ás novas empresas que se creen ou asenten no Vicedo, así como asesoramento para a posta en marcha de dito negocio
Aprobar o PXOM e dinamizar o turismo
Vicente Parapar advertiu da urxencia de rematar e aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal “para que a Xunta de Galicia non nos impoña un máis restritivo”, así como a creación dun Rexistro municipal de bens. O candidato informou que actuarán na praia de Arealonga e na do Porto para a recuperación da contorna natural, dotarán de servizos básicos a todas as praias e deseñarán un plan municipal de actuación turística, “co obxectivo de dinamizar o motor económico do noso Concello, o turismo, que aporta moitos empregos e que non se están aproveitando as oportunidades do sector”.
Veciños ilusionados en traballar polo Concello
“Somos un grupo de veciños con moita ilusión de traballar por e para o Concello”. A candidatura do PSOE no Vicedo está integrada por Vicente César Parapar Carreja, Verónica Canoura Paz, Lucia Prieto Fraga, José Ramón García Varela, Olga Fraga Grandio, Juan Carlos González Trasancos, María Roberta Serantes Deben, María Luisa Oca Timiraos, Luis Lozano Pedreira Francisco José Iglesias Franco.