Site icon Crónica3.com A Mariña

SON Viveiro SON En Común tamén Defende a Galega

 Viveiro 15-5-19. SON Viveiro SON En Común quere mostrar o seu apoio ás traballadoras e traballadores da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que dende maio de 2018 se uniron á campaña en negro que levaban a cabo afectadas e afectados de Radio Televisión Española (RTVE). A súa demanda é clara: crear un Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa nos medios públicos galegos. A liberdade de prensa é un dos piares fundamentais nas sociedades democráticas, e durante os gobernos do Partido Popular esta viuse fortemente agraviada. Un bo exemplo prodúcese tras a publicación da sentenza da trama Gürtel cando, dende a TVG, deuse a orde de mostrar únicamente “40 segundos de vídeo como máximo”. Todo isto leva a unha perda de calidade da información que, á súa vez, xera desinformación na cidadanía.
Son xa máis de 50 venres en loita e, o 3 de maio deste ano, Día Mundial da Liberdade de Prensa, Defende a Galega recibiu o Premio José Couso en Ferrol. Este evento, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, supuxo un estímulo para traballadoras e traballadores a prol de seguir loitando polo que consideran xusto. Os xornalistas Beatriz Moyano e Carlos Jiménez recolleron este galardón que recoñece unha “loita persoal, sen precedentes, nos medios públicos galegos”.
Dende SON Viveiro SON En Común, reafirmámonos no noso apoio a esta causa e condeamos todo tipo de manipulación ou censura nos medios de comunicación. Tanto a Liberdade de Prensa, como a Liberdade de Expresión, que tamén se viu afectada polas medidas ultraconservadoras do Partido Popular a través da Lei Mordaza, afectan ao pobo no seu dereito a estar ben informados e a expresarse libremente.

Exit mobile version