Nos catro últimos exercicios, ningunha partida orzamentaria específica foi consignada para ampliar e mellorar a rede de subministro, amosando pouco interese polo medio ambiente e moita incapacidade para achegar de maneira equitativa este servizo á veciñanza, sendo actuacións puntuais de reparación de avarías as únicas obras executadas, sempre con fondos doutras administracións.
Altamente preocupante é tamén a porcentaxe de auga non controlada por contador, que no ano 2017 foi do 34%; estes altísimos niveis de fuga veñen dados por avarías motivadas polo deficiente estado no que se atopa a acometida, facendo da rede de Viveiro unha das máis ineficaces da provincia e producindo beneficios unicamente para a concesionaria, xunto cun considerable aumento do prezo da auga para a cidadanía. Isto último é un motivo máis que suficiente para que o goberno municipal lle preste a debida atención á inversión nas redes de abastecemento, saneamento e depuración de tan prezado ben. Unha gran porcentaxe do fluído remata sistematicamente vertida no mar, sen existir na actualidade alternativas para a súa reutilización, como poderían ser as zonas verdes ou a limpeza das rúas dentro do casco vello.
A pesar de que, no orzamento de gastos relativo ao ano 2018, o capítulo de Abastecemento de auga potable ascendía a 855.500 € e o de Sumidoiros, a 778.452,91 €, representando un total do 11,9 % do Orzamento Xeral de gastos para o exercicio de dito ano, non se dispón dun control efectivo á concesionaria do servizo nin se realiza un estudo pormenorizado do mesmo, dando por bos os informes da empresa, sendo tamén é inexistente a xustificación real dos custos. A supervisión da calidade da auga faina a mesma empresa, carecéndose de factores de eficiencia como a valoración pola minimización de fugas ou pola calidade do líquido, e podendo deducirse en xeral que o que avalía dispón sempre das garantías contratadas salvo que, para asegurarse o equilibrio financeiro e a conta de resultados dos seus accionistas, propoña a realización de determinadas obras de infraestruturas coa escusa de mellorar a calidade das augas, sendo bastante sinxelo que algunhas das mesmas non se realicen da maneira acordada, o cal implica ademais unha perda de calidade.
No informe remitido a SON Viveiro pola empresa concesionaria ViAQUA o 14 de xuño do ano pasado, dun total de 139,7 quilómetros, na actualidade hai 16,5 quilómetros nos que o material onde se conduce a auga da rede de abastecemento é o fibrocemento, sendo que a comercialización deste material está prohibida desde o ano 2002 xa que as súas partículas supoñen un grave risco para a saúde, e a isto hai que engadirlle a existencia de 4 quilómetros máis nos que non se detalla a o material que compón as tubaxes.
No ano 2008, dita concesionaria comprometeuse a executar obras valoradas -pola propia empresa- en 960.000 €, así como 180.000 € en concepto de canon, que a mesma faría efectivos en tres prazos nos anos 2008, 2009 e 2010, xunto con 170.000 € dentro dun plan de colaboración en actividades lúdicas e de interese cultural, mediante doazón de gradas para público na Praza Maior.
A cambio do recoñecemento extraxudicial de crédito de 172.126,94 € e 69.771,84 € en concepto de impagados de lixos pendentes de devolución, entre outras obras comprometidas e que non foron executadas figuraban as seguintes:
Parroquia de Vieiro: Dotación de saneamento e pozos de bombeo en Granxas, Lavandeira e Ameixoa.
Parroquia de Galdo: Dotación de saneamento e pozos de bombeo no lugar d´A Feira.
Parroquia de Landrove: Dotación de saneamento e pozos de bombeo, dende o barrio de Landrove ata Chapín, incluíndo ramal pola parroquia de San Pedro ata o hotel “O Val do Naseiro”.
Son tres os pozos de bombeo instalados que non están en funcionamento: o de Landrove, dado que non hai vivendas conectadas, e os de San Pedro e de Granxas (Vieiro), que están sen conectar porque non dispoñen dunha rede de saneamento asociada.
A inactividade de ditos pozos vén provocada polo feito de que as obras pendentes de execución son as comprometidas no ano 2008 por Aquagest -actual ViAQUA- con motivo da ampliación da duración do contrato por 15 anos máis, en concreto:
Na parroquia de Covas: A reposición dos servizos de auga, saneamento e pluviais na Avda. de Cantarrá, incluíndo a 2ª fase de reposición de beirarrúas e a dotación de iluminación pública e aliviadoiro do río Cantarrá fronte ao restaurante “La Paz”.
Na parroquia de Celeiro: A dotación de iluminación pública no barrio de Chao, dunha pista deportiva en Lodeiro, asfaltados, firmes de viais, etc.
A gravidade desta serie de incumprimentos é merecedora dun estudo xurídico que analice a posibilidade de esixirlle á empresa concesionaria unha indemnización.
Un apartado especial merece a inobservación por parte do equipo de goberno do “Regulamento do Servizo Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento”, que establece, no punto 1 do seu artigo 34, que os aboados ao servizo de augas deberán obrigatoriamente conectarse á rede de saneamento cando as súas vivendas ou a instalación se atopen a menos de cen metros da rede pública. O custo das obras abordadas polas distintas administracións supón unha importante inversión, polo que é de xustiza que a existencia do servizo implique a conexión ao mesmo co fin de sufragar tanto os gastos como a ampliación e a mellora da rede municipal.”