“Máis que nunca, queremos galego”, recolle o manifesto deste 17 de maio, “porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo”.
“Máis que nunca, queremos galego”, continúa, “para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego”. “Máis que nunca, queremos galego”, conclúe, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”.
“A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza”, recorda o manifesto que se escoitará o vindeiro venres en Burela e nas principais vilas e cidades de Galiza.
10 anos de Queremos Galego
A plataforma cidadá celebra o seu 10º aniversario pubicando un vídeo no que recorda que foi, precisamente, en 2009 cando se produciu a primeira e única manifestación en contra do galego e mais cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego. A sociedade galega respostou cunha manifestación na que participaron 100.000 persoas, a maior mobilización a favor dunha lingua en Europa. Concentracións e manifestacións dentro e fóra do país, manifestos, recollidas de sinaturas, unha folga xeral do ensino e mesmo o traballo no xulgados, que frutificou nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os principais artigos do decretazo contra o galego. O vídeo resumo fai un percorrido pola primeira década de vida de Queremos glaego recorda que “as cousas só cambian se nos mobilizamos, porque as reivindicacións compartidas sempre dan froitos”.