Así, ademais de dar a coñecer o seu programa ‘porta a porta’ e ‘rúa a rúa’, os populares botaron man das redes sociais, con presenza en Facebook, Twitter e Instagram, e dunha pantalla instalada nun local da céntrica Rúa Margarita Pardo de Cela para difundir as súas propostas entre o maior número de xente posible. Accións que se suman ás múltiples reunións, encontros e visitas que mantiveron en parroquias e barrios da cidade.
Humanización de espazos públicos
A través dun vídeo promocional e dunha infografía evidencian que Viveiro viviría unha importante transformación, “un antes e un despois” que tería como un dos eixos prioritarios de actuación a humanización dos espazos públicos cidade.
O popular enumera unha batería de medidas a levar a cabo entre as que se atopa:
A mellora do bordo litoral,
A creación dunha zona de ocio e xuventude na contorna do antigo Casino,
A mellora dos xardíns Noriega Varela,
A pavimentación e mellora da Rúa de acceso á praia de Celeiro,
A reordenación do tráfico e a creación de espazos peonís e para mascotas na Avenida Misericordia,
A humanización da Avenida Cantarrana en Covas ou
O acondicionamento do aparcadoiro do Porto de Viveiro.
O candidato á alcaldía agradece a boa acollida que tiveron el e o seu equipo na súa intención de achegar o seu proxecto á cidadanía e confía en que os veciños e veciñas lle dean o seu apoio o vindeiro domingo.