Óscar Rodríguez está a explicar o seu programa electoral na rúa, “veciño a veciño” e “parroquia a parroquia”, porque “defende a proximidade coas persoas, tanto para trasladarlles o noso compromiso e a nosa idea de proxecto” como tamén “para escoitar as súas reivindicacións e para nutrirnos e enriquecer o noso proxecto coas súas achegas, xa que Viveiro debe ir da man de todos”.
O candidato popular impulsará actuacións que considera “básicas e que deben funcionar en todas as parroquias”. Implicarase en dotar de saneamento, alcantarillado e abastecemento aos diferentes núcleos de poboación. Tamén terá “moi en conta a limpeza, mantemento e supervisión das pistas”, que permita facer o día a día máis cómodo aos veciños e veciñas.
O alcaldable reafirma o seu compromiso de que para o PP “o rural sempre conta e moito”. Por iso defende a igualdade de oportunidades entre as zonas máis céntricas e as parroquias e avogamos, polo tanto, por garantir servizos que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas. Así, centraranse tamén en que todas as persoas que residen nas parroquias do Concello poidan ter acceso dende as súas vivendas á internet de alta velocidade.
Óscar Rodríguez fai fincapé en que estas son medidas “esenciais” que “deben ser unha realidade o antes posible” pero o noso proxecto “vai máis alá e busca construír en conxunto cos veciños e veciñas, un rural de Viveiro que aproveite e poña en valor as súas potencialidades, creando infraestruturas e atendendo novos servizos, habendo demandas específicas en cada parroquia, das que estamos a tomar nota para traballar na súa consecución”.