Site icon Crónica3.com A Mariña

Óscar Rodríguez aposta por “un Viveiro máis sostible” con medidas para embelecer e recuperar espazos verdes

 Viveiro, 16 maio, 2019. O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, aposta por unha estratexia dirixida a acadar “un Viveiro máis sostible”, para o que desenvolverá unha serie de medidas, entre as que se atopa a de embelecer e recuperar espazos verdes.

A candidatura popular inclúe no seu programa a posta en marcha dun plan coa finalidade de embelecer espazos urbanos e rurais, o que redundará na imaxe que ofrece a cidade, ofrecendo un aspecto “máis limpo, renovado, coidado e saudable”. Neste mesmo eido, o alcaldable explica que se recuperarán espazos ambientais e se repoboarán con especies autóctonas.

Óscar Rodríguez defende que na estratexia deseñada para acadar un Viveiro máis sostible “debemos involucrarnos todos e traballar conxuntamente”, por iso “desenvolveremos a maiores un programa de concienciación e sensibilización medioambiental”.

Trátase, polo tanto, segundo explica o candidato, “de actuacións importantes que sumadas supoñen un beneficio directo porque repercuten na mellora inmediata da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

A maiores, no seu programa Óscar Rodríguez tamén se compromete a desenvolver unha política real de eficiencia enerxética para acadar unha cidade máis eficiente e sostible.

Servizos básicos
Do mesmo xeito, o candidato desenvolverá as actuacións precisas para garantir en condicións axeitadas os servizos básicos como é, por exemplo, a renovación das redes de abastecemento de auga potable, sen esquecerse tampouco do saneamento da Ría e da limpeza das dunas.

Exit mobile version