Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira e Fuente trasladáronlle ao conselleiro as reclamacións dos traballadores do 061 tras o anuncio da supresión dun técnico da ambulancia medicalizada

 Foz, 13 de maio de 2019. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, mantivo hoxe en Santiago unha reunión co conselleiro de Sanidade e o xerente do 061, na que tamén participou o rexedor municipal de Barreiros, Alfonso Fuente. Castiñeira explicou que lles trasladaron aos responsables autonómicos as reclamacións dos traballadores do 061 na Mariña no referente ao funcionamento da ambulancia medicalizada con sede en Foz e á redución dun técnico dos catro profesionais que actualmente fan os traslados. O concurso deste servizo está en período de alegacións e “esperamos que dean unha solución a esta situación que afecta á Mariña”, dixo Javier Castiñeira á saída da xuntanza.
O rexedor focense manifestou: “vimos de ter unha reunión que se solicitara co conselleiro de Sanidade e o xerente do 061. Nese encontro entregámoslles as reivindicacións que fan os traballadores do servicio do 061 da Mariña e ese descontento que hai, posto que no concurso se reduce un técnico dos catro traballadores que hai na ambulancia medicalizada”.
Javier Castiñeira engadiu que “os alcaldes estamos de acordo coas reivindicacións que fan os traballadores porque loxicamente entendemos que iso vai afectar ao servicio e así llo quixemos trasladar aos dous máximos representantes deste asunto”.
O alcalde de Foz comentou tamén que “en termos xerais a Consellería infórmanos de que dito concurso está en período de publicación, que mirarán esas alegacións, agora teñen en conta as emitidas desde A Mariña, e esperemos que dean unha solución porque entendemos que é necesario dotar esa ambulancia medicalizada cos máximos recursos persoais posibles porque veu funcionando moi ben durante todos estes últimos anos, do cal estamos orgullosos”.
Castiñeira declarou ademais: “non entendemos como se poden cubrir os mesmos servizos cunha persoa menos de catro. Ademais os dous alcaldes trasladamos a necesidade de que a ambulancia asistencial de Foz, que está doce horas, en verán, polo menos, debe estar tamén as 24 horas, posto que nalgún caso, como en Foz ou en Barreiros, case se triplica a poboación e polo tanto necesítanse moitos máis recursos”.
Finalmente Javier Castiñeira dixo: “estamos satisfeitos posto que fomos capaces de trasladar estas inquedanzas aos máximos responsables da Consellería, e quedamos á espera de que se poidan solucionar estes problemas e o concurso poida contemplar esas circunstancias que nós vimos de formular”.

Exit mobile version