Site icon Crónica3.com A Mariña

O VIII Memorial Heroes do Orzán reunirá a preto de 900 xogadores de fútbol sala na Mariña

 Lugo, 7 de maio de 2019. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este martes o VIII Memorial Heroes do Orzán, un campionato de fútbol sala base que se celebrará entre o 26 e o 30 de xuño, reunindo a preto de 900 rapaces de 30 clubs divididos en 70 equipos. Estiveron acompañados do Presidente da Fundación INDECUM, Marcelino Luna Almarza, e familiares de Rodrigo Maseda Lozano, un dos tres policías aos que rende homenaxe este torneo, así como por representantes dos concellos nos que se celebrará o Memorial.

O torneo forma parte do programa promoción de fútbol sala na provincia, terá lugar nos Concellos de Foz, Burela, San Cibrao, Xove e Viveiro, e competirán rapaces das catro provincias galegas e tamén doutros equipos procendentes de Asturias, Madrid, Castela León e Castela a Mancha; nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

Rivera Capón destacou: “o triplo propósito deste torneo, pois, ao tempo que lembramos aos tres policías falecidos en acto de servizo no ano 2012 nas augas do Orzán mentres intentaban efectuar un rescate; impulsamos o deporte base na comarca da Mariña, un motor de integración e avance social e en terceiro lugar un evento que dinamiza a comarca, pois miles de persoas achegaranse ata a nosa costa durante catro días activando a súa economía e o seu turismo”.

INDECUM
A fundación IMDECUM (Impulso ao deporte, Cultura e Turismo na Mariña) creouse no 2010 para impulsar, promover e coordinar a actividade deportiva, cultural, educativa e turística da Mariña fomentando a igualdade, a tolerancia, a solidariedade, a cooperación e a integración na infancia, xuventude, terceira idade, mulleres e colectivos en risco de exclusión.

Exit mobile version