Viveiro 22-5-19. O venres 24 de Maio a Asociación de comerciantes Centro Histórico de Viveiro e o Concello de Viveiro organizan a campaña dos Maios en colaboración cos colexios do municipio.
Un total de 494 alumnos do Colexios Lois Tobio, San Roque, Landro e Covas percorrerán as rúas de Viveiro ataviados con motivos florais e cantando cancións dos maios. Tamén estarán acompañados do grupo dos maios de Campo de Urraca.
Dende a Asociación de comerciantes queremos colaborar activamente na recuperación desta festa, polo que os negocios asociados ó CCHV engalanarán as súas portas ou os escaparates con motivos florais para animar as actividade e encher a vila de cor no mes das frores.
Os rapaces sairán da Praza Maior ás 12 h. percorrendo a rúa Margarita Pardo de Cela, Avenida de Cervantes, Vilar Ponte, Almirante Chicarro, Pastor Diaz e de volta na Praza Maior desfrutarán dun refrixerio.
Trátase de volver a poñer en valor unha celebración que se foi perdendo co paso dos anos. En Viveiro celebrábase a chegada da primavera, con esta festa popular, na que se enchían as rúas de frores e os veciños ían vestidos con atuendos moi coloridos e primaverais, e saían á rúa a cantarlle ó maio e a celebrar a chegada deste mes tan floral.
Nos últimos anos os colexios da zona están intentando volver a poñer en valor esta festividade, e así se mostra no número tan elevado de rapaces que este ano participan na actividade. Grazas ós colexios por involucrase tanto nestas iniciativas.