Ribadeo, 3 de maio de 2019. O salón de plenos do Concello acolleu este venres un acto de homenaxe ás concelleiras, concelleiros e alcaldes que formaron parte das Corporacións Municipais Democráticas de Ribadeo desde 1979 ata a actualidade. No evento interviron os voceiros e voceiras dos grupos políticos que forman parte da actual Corporación Municipal, o cronista oficial de Ribadeo e o ex alcalde da primeira Corporación da democracia. Haberá acompañamento musical nesta tarde de homenaxe na que os edís recibirán como agasallo unha enseña conmemorativa.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “celebrouse este acto tan emotivo de homenaxe aos homes e mulleres que formaron parte das diferentes Corporacións Municipais de Ribadeo en todo este período democrático de corenta anos, de 1979, data das primeiras eleccións municipais democráticas despois da ditadura franquista, ata o día de hoxe 2019”.
O rexedor ribadense subliñou que “nestes corenta anos foron moitas as Corporacións, eu penso que non hai máis alta honra que a de representar aos veciños seus, aos veciños e ás veciñas dun concello, e este acto de lembranza e de memoria compartida quere ser un homenaxe e un recoñecemento nun acto sinxelo, pero ao mesmo tempo sentido e agarimoso”.
Suárez Barcia comentou que “neste acto tiveron tamén participación os voceiros dos diferentes grupos de goberno da Corporación Municipal actual, así como unhas verbas do cronista oficial de Ribadeo e do ex alcalde da primeira Corporación democrática. Estou convencido que moitísima xente que nos representou ao longo destes corenta anos de historia democrática sentíronse reconfortados de estar de novo no salón de plenos municipal”.