Lugo, 27 de maio de 2019. O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, valorou este luns os resultados das Eleccións Municipais na provincia, “que permiten que os socialistas poidamos gobernar en 28 Concellos lucenses, tendo responsabilidades de goberno en máis do 50% dos veciños da provincia, uns 160.000”.
Santos Ramos explicou que “a participación foi moi similar a do 2015, cun 71,51%. En termos de distribución do voto, o PSOE mantén a súa posición cun 34,45%, sendo 65.000 os veciños que depositaron a súa confianza en nós. O reparto de electores por partidos políticos é moi semellante ao de 2105, o que non inflúe no resultado da corporación provincial. Ao PP non lle da a maioría absoluta, polo que o PSOE e BNG poderán gobernar a Deputación”.
Participación en 32 Concellos
Santos Ramos explicou que “estes resultados implican que ademais de gobernar en 28 Concellos, poderemos cogobernar noutros 4 (O Páramo, Muras, Barreiros e Rábade), o que significaría que o PSOE poderá participar nos Gobernos de 32 municipios da provincia. Trátase dunha mellora cuantitativa, pasando dos 29 gobernos municipais en 2015, aos 32 deste ano. Outro dos datos que hai que ter en conta é que pasamos de ter 17 maiorías absolutas a 19 nestes comicios”. O PSOE ten maioría absoluta en Alfoz, Castroverde, Cervantes, Guitiriz, Láncara, Lourenzá, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos, Trabada e Xermade; e pode liderar Gobernos en Burela, A Fonsagrada, Foz, Monterroso, Lugo, A Pastoriza, O Valadouro, Vilalba e Viveiro.
O PSOE lidera a esquerda
O Secretario Provincial valorou que “o que demostran estas eleccións é que o Partido Socialista lidera a esquerda, o voto vangardista e progresista, o que sempre tratou de sumar, feito que imos seguir facendo co obxectivo de mellorar o día a día dos veciños. O PSOE hoxe non só mantén a posibilidade de Gobernar a maior parte dos veciños da provincia de Lugo, senón que incrementa tamén o número de Alcaldías e mantemos a posibilidade de Gobernar na Deputación, confiando en poder facelo”.
“Este resultado sitúa ao partido socialista nunha nova etapa de compromiso con todos e cada un dos nosos veciños, establecéndoo como o partido que debe continuar sendo quen desenvolva os proxectos que temos iniciado nesta provincia: a rede de residencias, o plan único, os programas de emprego, as axudas aos colectivos sociais e do eido do benestar…”
Freo ao oportunismo
Santos Ramos subliñou que “o oportunismo non tivo espazo na política, nas corporacións locais e provinciais, e hai un claro mandato da xente de botar fóra das administracións ás persoas con actitudes personalistas e egoístas, que non participan na política en beneficio da sociedade, senón para cumprir outro tipo de obxectivos. O Partido Popular na Deputación sempre estivo abrazado ao transfuguismo e á traizón ao PSOE, para bloquear proxectos para a cidadanía, unha situación que os veciños rexeitaron e que non se vai volver a producir”.