O PSOE denuncia que se trata dunha decisión totalmente arbitraria, que carece de valoración técnica, e que discrimina inxustificadamente á Mariña e á provincia de Lugo. Os socialistas subliñan que é urxente que o máximo responsable da sanidade galega manteña un encontro cos traballadores da ambulancia medicalizada de Foz para coñecer a realidade da situación, explicada por eles mesmos, que son os que teñen a experiencia e a sensibilidade do seu labor diario.
Dende o Partido Socialista non se está pedindo que un servizo tan importante como o da ambulancia medicalizada de Foz conte con máis dotacións, o que se reclama é que non sufra máis recortes e, deste xeito, deteriore a calidade asistencial aos veciños da Mariña.
Os socialistas lamentan o nulo interese e compromiso por parte do PP na provincia de Lugo para solucionar este problema, tras negarse a debater e aprobar unha proposta no Pleno da Deputación na que se esixía deter a contratación elaborada pola Xunta de Galicia.