Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que Fernando Suárez impide celebrar en Ribadeo unha feira organizada pola Xunta para promover a praza de abastos

 Ribadeo, 4 de maio de 2019. O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia que Fernando Suárez impide celebrar na vila ribadense unha feira organizada pola Xunta de Galicia para promover a praza de abastos.
Daniel Vega explica esta decisión “total e absolutamente desafortunada do señor Suárez, feudal que prohibiu á Xunta de Galicia realizar un evento que tería unhas consecuencias moi positivas para Ribadeo, concretamente para a praza de abastos. Os praceiros e a Xunta de Galicia estiveron traballando durante un tempo para organizar un acto no aparcamento da praza, onde se ía poñer unha carpa, á que poderíamos acudir todos os veciños de Ribadeo e os visitantes que se achegaran a esa feira, que ía servir para poñer en valor os produtos da horta, a froita, a carne, o peixe, que poderíamos degustar porque os cociñeiros da Mariña, a través dunha asociación que se constituíu hai menos dun ano, ían elaborar produtos para degustar. Faríano con eses produtos que comercializan os praceiros e que temos que poñer en valor”.
O alcaldable do PP ribadense engade que “apostar por Ribadeo tamén é abrir as portas á colaboración institucional e preguntámonos por que o señor Suárez pon paus nas rodas a decisións directas dos praceiros e que ían ter uns beneficios moi importantes para Ribadeo. Este señor – Fernando Suárez- manda unha carta á Xunta de Galicia prohibíndolle investir en Ribadeo porque todas as medidas que el esixe cumprir son imposibles de adoptar. Por exemplo, como se pode montar e desmontar unha carpa no mesmo día? Por que non deixa enganchar á rede eléctrica para ter subministro de luz?”
Vega afirma que Fernando Suárez toma estas decisións porque “pensa que é o dono de Ribadeo, confunde ser alcalde con ser feudal e cre que o pobo é seu. Estas decisións desafortunadas e actitudes totalmente caciquís pagámolas todos os ribadenses. Polo tanto esíxolle que acuda á praza de abastos e aos distintos medios de comunicación para explicarlles aos praceiros e aos ribadenses por que pon paus nas rodas á que a Xunta de Galicia veña a Ribadeo para investir en algo que repercutiría positivamente na vila, no comercio, na hostalería e sobre todo na praza de abastos. Temos que abrir a praza de abastos ao investimento porque vostede anuncia moito pero concreta pouco. Abra a mente, señor Suárez, e permita que a Xunta de Galicia veña a Ribadeo investir para beneficiar aos ribadenses”.

Exit mobile version