Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés reorganizará as prazas de taxis en beneficios dos taxistas locais e das persoas con mobilidade reducida

Burela, a 7 de maio de 2019.- Manuel Rouco, candidato á alcaldía de Burela polo Partido Popular, anunciou hoxe que “reorganizará as prazas de taxis fixadas por Alfredo Llano, xa que o que acaba de facer o actual alcalde non se axusta aos tempos nos que vivimos; senón que é manifestamente mellorable”.
Rouco indica que “Llano, a través dun decreto de alcaldía, fixa trece prazas para os taxis de Burela, tres no entorno do Hospital e as outras dez na Praza do Mariñeiro. No decreto, Llano fai constar no primeiro punto da resolución que as prazas son para ‘os taxis do concello de Burela’; pero resulta que vemos que as prazas do Hospital son usadas por taxis doutros concellos con estacionamentos prolongados. Isto prexudica os intereses dos taxis do noso concello e claramente contradí o decreto do actual alcalde. A esta situación hai que poñerlle remedio, a través da oportuna sinalización que aclare o decreto da alcaldía”.
Sinala ademais Rouco que “no indicado decreto, Llano fai referencia a que no emprazamento dos lugares de parada se debe facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida. Lamentablemente, Llano esquécese destas persoas á hora de fixar as prazas no entorno do Hospital, dado que coloca as tres en batería, o que imposibilita, ou cando menos restrinxe en exceso, o uso destas prazas polas persoas con mobilidade reducida. Ademais, no Hospital bótase en falta cando menos unha praza de taxi máis ampla para taxis adaptados”.
Pero os populares engaden que “esta mesma situación dáse na Praza da Mariñeiro. Se ben é certo que tódalas prazas van en liña, co que o acceso desde a beirarrúa non plantexa problemas, o que si é evidente é que non hai cando menos unha praza de taxi máis ampla para taxis adaptados, o que nos parece unha discriminación”.
“O Concello é quen ten as competencias en materia de localización das paradas de taxis e, polo tanto, a partires do día 26 de maio, adoptaremos as medidas oportunas para garantir que as prazas de taxis no Hospital sexan usadas polos taxistas de Burela, así como o uso das mesmas por persoas con mobilidade reducida e por taxis adaptados”, di Rouco.

Exit mobile version