Site icon Crónica3.com A Mariña

O GALP A Mariña-Ortegal finaliza o proceso de avaliación intermedia da EDLP coa celebración dun foro aberto ás entidades do territorio

Viveiro 3-5-19. O mércores, 8 de maio, vaise a celebrar en Viveiro o Foro da avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP A Mariña Ortegal. Esta xuntanza enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), no cal colabora coa Consellería do Mar para a súa posta en marcha.
Neste evento presentaranse os resultados do proceso de avaliación, no cal destaca o importante grao de execución dos fondos que está tendo o GALP, na aplicación do programa de axudas do FEMP.
Dende o inicio do período de Fondos, no ano 2016, o GALP apoiou o financiamento de preto de 60 iniciativas produtivas e non produtivas, o cal supuxo un investimento de máis de 3,7 millóns de euros na zona costeira. Isto supón que a execución financeira do programa se sitúe por riba do 56% do orzamento total destinado para o conxunto do período.
Por outra banda, validarase o Informe de conclusións da avaliación, rematando deste xeito o proceso participativo definido a tal efecto.
O Foro, que se celebrará no Hotel Boa Vista en Viveiro o 8 de maio ás 18:00 horas, é aberto a tódalas entidades da zona costeira e ao remate ofrecerase un ágape aos asistentes. Para inscribirse no mesmo poden facelo a través do enderezo electrónico: galp.mar.marinaortegal@xunta.gal

Exit mobile version