O rexedor ribadense mostrouse “moi satisfeito de ver como, despois de catro anos de traballo e de trámites administrativos complexos, por fin están dando comezo estas obras que van permitir ampliar un treito máis esta ruta que temos desde a Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas, que agora vai ser ampliado practicamente nun quilómetro máis ata o encontro coa antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz”.
Fernando Suárez explicou que “este programa se conseguiu a través de fondos europeos dun programa Life que desenvolvemos o Concello de Ribadeo, como socio prioritario, xunto coas universidades de Santiago, de Oviedo, de Lisboa e outra serie de Concellos. A través deste programa europeo imos proceder a eliminar todos os eucaliptos na beira da marxe galega da ría de Ribadeo, e imos substituílos por especies frondosas do mesmo xeito que estivemos facendo nestes últimos anos. Ao mesmo tempo imos ampliar o paseo para que sexa o xermolo do que ten que ser o gran sendeiro desde Ribadeo ata A Pontenova, é dicir, volver recuperar a vía do tren mineiro que se vai converter nunha das mellores e máis importantes sendas verdes do estado, cando teñamos a posibilidade de ir andando, correndo ou en bicicleta de Ribadeo á Pontenova sen tocar a estrada”.
O alcalde salientou que “vai ser unha infraestrutura moi potente, marabillosa para facer exercicio, pero sobre todo tamén a nivel turístico vai beneficiar á Pontenova, San Tirso, Trabada máis a Ribadeo, que somos os catro concellos por onde pasaba a antiga vía do tren mineiro. Esta acción, que está financiada con fondos europeos, máis aló da tramitación que foi moi laboriosa porque o Concello de Ribadeo tivo que expropiar toda esta masa vexetal que corresponde a unha serie de fincas de propietarios, tivo que conseguir, que conseguimos hai pouco tempo, a declaración de urxente ocupación por parte da Xunta de Galicia, fixemos os trámites para a ocupación destas fincas, e agora por fin estase empezando a cortar toda esta madeira, achaiando o camiño para todos estes traballos que se van prolongar nos vindeiros meses”.
Para Suárez Barcia “sen dúbida Ribadeo segue a ser o referente de protección medioambiental, de turismo de calidade, de acción tamén deportiva e de coidado do medio. Espero que sexamos exemplo para moitos máis concellos, e sobre todo, que é importante tamén, que desde a outra banda da ría, que eu sei que están tomando boa nota do que estamos facendo en Ribadeo, que dentro de non moito tempo ademais da ruta do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz tamén poidamos ter unha ruta arredor de toda a ría de Ribadeo”.