Barreiros, 21 de maio de 2019. O Concello de Barreiros solicitará unha nova zodiac para ir renovando as existentes. Farao con cargo á liña de axudas que vai convocar en breve a Dirección Xeral de Emerxencias. O alcalde, Alfonso Fuente, amosoulle ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, parte do material de socorrismo co que conta o Concello para prestar servizos nos areais o vindeiro verán. Rueda viu as dúas zodiacs das que dispón Barreiros e tamén algún desfibrilador.
O rexedor barreirense explicou que “no día de onte na visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitamos para ensinarlle o material que estamos preparando xa de cara a tempada do verán como as zodiacs e os desfibriladores. Esperamos poder contar tamén este verán, e así llo trasladábamos ao vicepresidente, tendo en conta que de el depende Protección Civil, intentar poder dispoñer desa ambulancia que temos nas praias”.
Alfonso Fuente engadiu que “ese material é o que se ven usando na nosa costa así como o tipo de zodiacs que usamos e o tipo de motores, porque ás veces cando se saca a convocatoria de axudas da Xunta ven con algún tipo de equipamento que despois non é igual a costa nosa de Lugo que a costa de Pontevedra, por exemplo”.
O alcalde comentou que “o vicepresidente informounos que ían saír en breve e van publicar a liña de axudas de Protección Civil, desde a Dirección Xeral de Emerxencias, e intentaremos pedir outra zodiac para ir renovando todo o equipamento que temos”.
Xunto a Alfonso Rueda e Alfonso Fuente estivo o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.