Site icon Crónica3.com A Mariña

O candidato do PP á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, acusa a Fernando Suárez de faltar ao respecto aos ribadenses por anunciar agora posibles obras sen concretar de que partida orzamentaria sae o diñeiro para facelas

Ribadeo, 6 de maio de 2019. O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, acusa a Fernando Suárez de faltar ao respecto aos ribadenses por anunciar agora posibles obras sen concretar de que partida orzamentaria sae o diñeiro para facelas.
Daniel Vega manifesta que “a falta de respecto do señor Suárez cara aos ribadenses é total e absoluta porque agora anuncia unhas posibles obras e uns orzamentos para infraestruturas do rural e da vila, pero non concreta de que partida orzamentaria sae ese diñeiro. Canto hai de fondos propios por parte do Concello? Canto vén do plan Marco, da Xunta de Galicia? Canto hai do plan Único, da Deputación? Dígolle isto porque a foto que manda aos medios de comunicación é unha estrada que paga a Deputación no 50 por cento e o restante corresponde ao plan Marco, da Xunta de Galicia. Polo tanto Fernando Suárez presume do que non paga”.
Ademais o alcaldable do PP en Ribadeo explica que “anunciar posibles obras a 15 días das eleccións non nos parece moi serio nin moi responsable” e dille a Fernando Suárez que “o que tiña que facer é unha planificación seria e responsable cos veciños, pero como non o fixo en 12 anos agora quere resolver os problemas en 3 días. E utiliza medias verdades e bastantes mentiras para enganar aos veciños”.
En cambio o Partido Popular de Ribadeo leva no programa electoral “unha planificación seria e correcta en colaboración constante e permanente cos veciños para o arranxo das nosas vías”, anuncia Daniel Vega.

Exit mobile version