Ribadeo, 7 de maio de 2019. O candidato á alcaldía de Ribadeo de Compromiso por Galicia, Jesús Pérez Moreda, propón no seu programa o arranxo do tráfico na vila e a retirada dos contedores de lixo da rúa. Ademais considera necesario, para a seguridade do tráfico, crear unha rotonda na entrada a Rinlo, dado o elevado número de vehículos que transitan por esa zona.
O candidato de Compromiso por Galicia considera que “os que vivimos en Ribadeo sabemos as necesidades que ten porque estamos todos os días nel, no rural e na vila”.
Para Jesús Pérez Moreda “no rural é imprescindible ampliar a rede de saneamento. E na vila hai algunhas cousas que son fundamentais como é arranxar o tráfico, que non creo que sexa inversión salvo gastar algo en semáforos. Ribadeo foi un dos primeiros pobos da provincia en ter semáforos e é o único que non os ten na actualidade. Ninguén explica por qué e eu sigo sen entendelo, creo que se necesitan nalgúns sitios, nalgúns cruces que son perigosos”.
O alcaldable de Compromiso por Galicia en Ribadeo engade que “para nosoutros é fundamental como medida turística, ao marxe do que haxa que facer en turismo, intentar acabar cos contedores na rúa. Hai que cambiar o sistema de recollida de lixo, e creo que iso tamén é xestión aínda que teña algún gasto. É querer facelo. Agora mesmo o Concello ten maioría absoluta, a oposición non pode facer nada, entón o alcalde está nunha parte de confort e facía falta sacalo desa parte de confort”.
Jesús Pérez Moreda engade que “levamos no programa, na entrada a Rinlo a necesidade de crear unha rotonda en San Julián, na N-634, aínda que non sexa máis que por seguridade de entrada e de saída da xente que visita Rinlo, que é moita. Se é posible a negociación con Fomento para que o estude, e se é posible facela porque cremos que ademais de ser mellor para todos, por seguridade do tráfico, pensamos que é necesaria”.
O programa de Compromiso por Galicia en Ribadeo, que está composto por máis de 50 medidas de grande interese para a veciñanza, darase a coñecer nos vindeiros días. A formación leva tempo traballando nel, non so cos membros da candidatura, senón tamén con veciños e veciñas expertos en diferentes materias e que son afectados polas problemáticas que vive Ribadeo.