Javier Castiñeira explica: “fun o primeiro sorprendido cando hoxe á maña o director do IES me anunciou que desde a inspección educativa non lle autorizan realizar o debate electoral previsto para as 12 do mediodía no instituto, no que eu tiña comprometido participar co resto de candidatos. Esta decisión de suspender o debate respéctoa, pero que non a comparto, especialmente cando xa estaba organizado”.
Ademais o cabeza de lista dos populares focenses recorda: “nunca me neguei a facer nin un só debate e son o candidato dos actuais que en máis debates electorais participou, incluso moitos deles tensos e con rivais de máis experiencia e traxectoria política ca os actuais, como o señor Rivera, o señor Cancio ou mesmo o señor Basanta, xa desaparecido, saíndo en todos brillantemente ben parado”.
A Castiñeira parécelle “lamentable que certos partidos aproveiten esta circunstancia allea totalmente ao Partido Popular para culparnos directamente da supresión cando nós fomos os primeiros que aceptamos dito debate e estaríamos encantados de mostrar os numerosos argumentos adquiridos nestes últimos 4 anos en prol da xuventude e a educación no noso pobo”.
E Javier Castiñeira remata manifestando: “sigo aberto a participar en calquera debate electoral e lamento a baixeza dalgún dos grupos políticos para con elo tentar sacar algún rendemento político, utilizando falsidades sobre este asunto, porque o debate foi desautorizado pola inspección educativa polas razóns que estimaran oportunas e que, repito, respecto pero non comparto”.