Sarria 13-5-19. O secretario xeral de Compromiso Por Galicia, Piñeiro Docampo, mantivo en Sarria, acompañado pola candidata á alcaldía Fátima Gómez Hermida e a súa número 2 Carmen Núñez, unha reunión co presidente da asociación Amigos do Camiño de Santiago da comarca de Sarria, Jorge López. Na xuntanza, Núñez advertiu que a agrupación local é “moi consciente de que temos un legado moi importante que precisa de coidados”. Piñeiro Docampo asegurou que CxG se compromete a manter desde Sarria un diálogo fluído e constante coa asociación para facer “que do Camiño estea á altura que se merece en Galicia e en Europa”.
López eloxiou a figura de Elías Valiño, ‘O cura do Cebreiro’ que é hoxe recoñecido como un dos principais promotores do Camiño Francés e foi nomeado fillo predilecto de Sarria: “o legado que nos deixou é dun valor incalculable, e nós temos a obriga de buscar apoios para conservalo”, declarou. Carmen Núñez insistiu na necesidade de revitalizar a zona da saída da estación do tren, “que está nun estado de abandono preocupante”, e considera que é preciso dotar a Sarria “dunha axenda que aporte valor ao pobo e ofreza interese aos visitantes”.
Pola súa parte, o número tres pola Coalición por unha Europa Solidaria (CEUS), Juan Carlos Piñeiro, garantiu que “levaremos iniciativas a Bruxelas para facer da ruta un camiño non só espiritual ou relixioso, senón cultural e social importante, para a comarca de Sarria e para todas as vilas polas que pasa”. Docampo considera que “o parlamento europeo dispón dos os recursos, e este é un tema o suficientemente importante, para aportar subvencións que redunden nunha potenciación dos sectores da hostalería, ou outras áreas produtivas relacionadas coa atención e o coidado aos peregrinos”.