Foz, xoves 23 de maio. No día de hoxe, membros da candidatura do BNG, encabezados por Francisco Xavier Fanego e acompañados pola deputada Olalla Rodil, reclamaron unha vez mais a limpeza da Ría, o saneamento, e tamén a solución aos problemas de calado na canle de entrada e no porto de Tupide.
O BNG levará ao Parlamento Europeo os problemas da ría e do porto
Fixeron esta reivindicación a bordo de dúas embarcacións desde as cales despregaron unha pancarta coa lenda “Rías Limpas”, a mesma lenda das camisolas que luciron neste acto reivindicativo e que corresponde á campaña que o BNG está desenvolvendo por todo o país e tamén no Parlamento Europeo, a donde a deputada Ana Miranda vai levar os problemas da Ría de Foz, tal como manifestou o pasado 30 de abril na visita que realizou a Foz para entrevistarse con diverso colectivos que desenvolven a súas actividades, tanto lúdicas como económicas no porto e na ría de Foz.
Fanego recordou tamén o traballo desenvolvido décadas atrás pola Plataforma en Defensa da Ría de Foz, promovida polo desaparecido e recordado concelleiro nacionalista focego, Xoán Carlos Basanta.
Resolver o problema so saneamento para poder desenvolver Foz
Para o candidato á alcaldía, Francisco Xavier Fanego, “é crucial resolver o problema do sanemento, pois non podemos estar pagando unha taxa de depuración cando non se depura e os residuos están a verquerse directamente á Ría de Foz e ao mar”, manifestou. Fanego tamén insistíu na necesidade urxente de retirar a depuradora do muelle, buscándolle unha nova ubicación e garantindo o seu correcto funcionamento.
Limpeza da explanada portuaria os días do mercado semanal do martes
Os nacionalistas fixeron fincapé tamén na necesidade de facer unha recollida de lixo efectiva na explanada portuaria os martes despois do mercado, pois a deficiente limpeza deste espazo está xerando moitos problemas na zona, no propio porto e na propia ría, a donde van parar moitos dos residuos xerados pola actividade do mercado.