Os nacionalistas puxeron en coñecemento da XEZ que na tarde do venres se publicou no perfil institucional de Facebook Concello de Riotorto un post con fotografías dunhas obras recén rematadas en Chacín.
O escrito de denuncia sostén que o candidato popular aproveitou a súa condición de alcalde para facer un uso partidista dun espazo de comunicación institucional, rompendo os principios de obxectividade, igualdade e imparcialidade que deben manter as institucións, especialmente en periodo electoral.
Ademais, argumenta que a normativa prohíbe os “actos de inauguración de obras ou servizos públicos durante a campaña así como os actos que “conteñan alusións ás realizacións e logros obtidos” desde a convocatoria das eleccións ata que se celebran os comicios.
“O uso do concello para facer campaña para o Partido Popular supón unha burla á veciñanza e una mostra máis da forma de entender a política do PP, que trata aos votantes como clientes e non como cidadáns”, denuncian desde o BNG de Riotorto.
Os nacionalistas critican que o PP se afanase en aglomerar pistas e limpar camiños en periodo electoral, chegando a contratar unha empresa para desbrozar en lugares dos que “non se acordou en todo o mandato. Cren que poden comprar votos con aglomerado”, conclúen.