Fernando Suárez contou que “con esta resposta da Xunta penso que se está confundindo moito o touciño coa velocidade, porque unha cousa foi a subvención que o Concello inicialmente pediu na liña de infraestruturas vinculadas a servizos municipais e que renunciou inmediatamente para presentala a outra convocatoria, tamén da Xunta, que aos técnicos lles parecía máis aconsellable, concretamente na orde de mellora de infraestruturas e que aínda está por resolver. Estoume referindo á rúa Pintor Fierros na que o Concello pretende investir 60.000 euros e pide 40.000 de axuda”.
O rexedor dixo que “outro caso que non ten nada que ver con isto, e do que non queren falar, ten que ver co Fondo de Compensación Ambiental, onde tamén se solicitou outra axuda importante para mellorar un filtro, dos tres que hai, na estación de tratamento de auga potable no río Eo, á altura do concello de Trabada, que é propiedade do Concello de Ribadeo e que é o principal abastecemento para Ribadeo. Xa non nos axuda nada a Xunta de Galicia nestes últimos anos, e levamos tempo solicitando e demandando motivadamente accións importantes para esta acometida de auga, e parece que agora que tampouco nin cunha pequena axuda para mellorar un destes filtros da estación de tratamento de auga, xa que para a Xunta non reúne as condicións que ela pretende, a pesares de ser un proxecto que se axusta en todos os extremos ao recollido nesa orde de convocatoria. Polo tanto non tratemos de confundir á xente, aos veciños e ás veciñas, porque se lles nota moito que estamos en época electoral”.
Suárez Barcia engadiu que “solicitaremos, como tivemos que facer en ocasións anteriores, acceso a este expediente para ver se todos os afortunados destas axudas tiñan proxectos tan elaborados como o noso. En todo caso a obra habémola facer igual coa súa axuda ou sen ela. E facer unha reflexión, si se dedicaran a dar menos camisetas co logotipo da Xunta de Galicia por aí adiante e a pagar menos gaiteiros para as festas e apostaran realmente por este tipo de actuacións, que son propias dunha acción moderna dunha administración, mellor lles iría aos veciños e seguramente a eles tamén”.