Viveiro, 6 de maio de 2019. Con respecto aos anuncios que veñen aparecendo nos últimos días na prensa local sobre melloras a executar por parte da Xunta de Galicia, quero comezar dicindo, novamente, que me parece ben todo o que se faga por Viveiro, todo o que supoña un beneficio para os veciños e veciñas de Viveiro supón un motivo de alegría e conta coa nosa aprobación. Pero independentemente disto, unha vez máis, as formas de anunciar estas melloras parécenme indignantes e supoñen unha falta de respecto tanto para min, como alcaldesa, como para os demais concelleiros da corporación e, sobre todo, para os veciñas e veciñas. Por que así o quixeron os veciños e ata o vindeiro 26 de maio, nós continuamos a conformar o equipo de goberno e, polo tanto, considero totalmente inapropiado que teñamos que enterarnos destas melloras a través da prensa; é inaceptable que a Xunta de Galicia utilice á candidato do Partido Popular para anunciar actuacións como é o derribo dos galpóns ou o arranxo da estrada que une Viveiro co Valadouro, asuntos para os que o goberno local leva anos demandando e que xa se tiñan anunciado no seu momento.
O último destes anuncios tivo lugar na prensa do día de hoxe, pola que tivemos coñecemento do pintando dun paso de peóns en Magazos; como dixen, parécenos ben que se realicen este tipo de actuacións, neste caso en beneficio da seguridade dos veciños, pero considero que a Xunta de Galicia debería ter comunicado esta actuación previamente ao concello tendo en conta, sobre todo, que se trata dunha zona urbana, con gran cantidade de vivenda e un hipermercado, que supón, ademais, unha das entradas e saídas a Viveiro.
A Alcaldesa-Presidenta
María Loureiro García