Mondoñedo 16-5-19. Este xoves máis de 200 alumnos e alumnas dos centros educativos de Mondoñedo percorreron as rúas da cidade, vestidos acorde á festa dos maios, con coroas de flores, camisas brancas e mesmo co traxe galego.
Nas prazas da Catedral e do Concello interpretaron e cantaron diversas cantigas, musicadas polo mindoniense Manuel Ledo ‘O Pallarego’, de quen toma nome a escola municipal de música. Os textos son de Álvaro Cunqueiro e Díaz Jácome.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Escola Municipal de Música e coa que se busca recuperar a tradición da festa dos maios. A última gran celebración desta festa foi en1991.
Esta iniciativa congregou numerosas persoas polas rúas da cidade, durante todo o percorrido dende o CEIP Álvaro Cunqueiro ata o cemiterio. Converteuse nunha mañá de festa e ledicia en Mondoñedo.
Dende o Concello agradecen o traballo desinteresado e a participación tanto da ANPA da Escola Municipal de Música “O Pallarego”, como do CEIP Alvaro Cunqueiro e do IES San Rosendo, do Centro Asistencial de San Pablo e San Lázaro e tamén do alumnado do Ciclo de Floristería da Granxa.