Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguración en Mondoñedo da exposición 350 Anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo

 Mondoñedo 27-05-19. Este martes, ás cinco da tarde, vai ser inaugurada no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, a exposición 350 Anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen a facer en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.
Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo.
Ao acto asistirán representacions do Concello de Mondoñedo (unha das cidades capitais do Antigo Reino), da Xunta de Galicia, con autoridades do Bispado de Mondoñedo-Ferrol e do Cabido da Catedral.  Por parte lucense, participaran José Antonio Ferreiro (cóengo e Director do Centro Eucarístico Lucense), Marcos Calles (asesor histórico da exposición) e Xulio Xiz (presidente do Colectivo Egeria).
A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e ten carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, tendo comezado na Catedral lucense este percorrido, e seguindo pola Catedral de Ourense, Biblioteca Miguel Gonzalez Garcés de A Coruña e Catedral de Tui. Despois de Mondoñedo acudirá ás cidades de Betanzos e Santiago de Compostela.
Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva de cara ao futuro desta “chama que non se apaga”.
A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.
A exposición pode visitarse na sala Losada Quiroga do Seminario de Mondoñedo.

Exit mobile version