Cervo, 18 de maio de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía de Cervo, Francisco Mon, subliñou que “os veciños necesitamos recuperar o sentimento de pertenza e o orgullo de ser de Cervo. E iso só será posible da man do proxecto socialista”. Díxoo no mitin celebrado este xoves no Concello e no que tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde.
Francisco Mon destacou que “necesitamos un goberno que non se poña de perfil ante os problemas da cidadanía e que atenda as súas demandas. Necesitamos un goberno que traballe os 4 anos e non só os meses antes das eleccións. Debemos acabar con máis de 10 anos de apatía, bloqueo e improvisación do PP. E o faremos a través dun proxecto e unhas políticas comprometidas co futuro e non co presente máis inmediato. Queremos devolverlle aos veciños a autoestima de ser de Cervo. Que volva ser un Concello referente na Mariña. Ese camiño é posible unicamente co Partido Socialista”.
“Os socialistas sempre demostramos con feitos que estamos ao carón das demandas dos veciños de Cervo. Por iso, comprometémonos cos traballadores de Alcoa destinando dende o Goberno Central 200 millóns e poñendo enriba da mesa o estatuto dos consumidores. Tamén subimos as pensións a 1.200 veciños, aumentamos o salario mínimo interprofesional, recuperamos o dereito a paro aos maiores de 52 anos ou ampliamos os permisos de paternidade…Todas estas medidas están enmarcadas na folla de ruta dos socialistas: mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.
“Somos a única alternativa ás políticas de dereitas do PP en Cervo. O único partido que ten un proxecto claro, sólido e definido para os próximos 4 anos, con medidas para loitar contra o despoboamento, para ampliar a industria e non depender de Alcoa, para ofrecerlles aos cervenses os mellores servizos e infraestruturas. En definitiva, para o Concello que os veciños demandan. Para o Cervo que todos queremos”.
O PSOE achegou 1,5 millóns dende o Goberno da Deputación
Campos Conde salientou os investimentos que os socialistas dende o Executivo Provincial levaron ao Concello de Cervo para mellorar as prestacións públicas municipais. “Foron máis de 1,5 millóns de euros que permitiron xerar 24 novos postos de traballo, prestar atención profesional a máis de 40 maiores, acondicionar accesos e camiños, ampliar o alumeado público, rehabilitar a escola unitaria, dotar de novas pistas de padel ou celebrar actividades culturais e deportivas durante todo o ano. Unha vez máis os socialistas podemos ir coa cabeza alta porque trouxemos a Cervo actuacións moi necesarias para os veciños, ao igual que nos restantes 66 Concellos da provincia”.