Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto e o PSOE apostan por un Foz verde

Foz 11 -05- 2019. O PSOE de Foz e o seu candidato á alcaldía, Fran Cajoto, comezan a explicar as liñas programáticas para as eleccións municipais do domingo 26 de maio. “Son as liñas de actuación que nos parecen fundamentais para que Foz avance e evolucione, por iso falamos coas asociacións, colectivos e moitos veciños, nunha tarefa moi gratificante da que estou especialmente orgulloso”- indica o candidato socialista Fran Cajoto.
Xa nos achegamos ás parroquias de Fazouro e de San Martiño, con unha gran acollida. É máis que gratificante ver que os veciños se preocupan, queren un cambio de rumbo no Concello. As parroquias síntense olvidadas e un lavado de cara catro días antes das eleccións non engana a ninguén – explica Fran Cajoto.
Desde O PSOE apostamos por un Foz verde. O alumeado público funciona realmente mal, con farolas apagadas en moitos puntos e bombillas obsoletas de un elevado consumo. Hai que apostar por un plan de aforro enerxético que permita substituir as luminarias actuais por tecnoloxía LED: aumentaremos o alumeado nas rúas e camiños e o custo da factura será moito menor, non entendemos como non se fixo xa. É moi importante tamén facer unha revisión exhaustiva de seguridade das farolas: trasladáronnos a perigosidade da iluminación do Concello con posibles derivacións, e moitos báculos teñen as caixas en mal estado e oxidadas, con cables á vista que podería agarrar calquera neno – explica Fran Cajoto.
Un Foz verde é iso: a aposta pola natureza. Nestes últimos anos a política municipal consistiu en eliminar árbores, suprimir zonas verdes e prohibir o seu disfrute aos veciños. Non vemos comprensible que se impida desfrutar da sombra das árbores no entorno da Rapadoira, por iso o noso compromiso é que se use o Prado de Ramos como foi tradicional no noso pobo, incrementando as zonas de sombre e dispoñendo máis mesas e zonas de merendero.
É incomprensible que só en plena época electoral o Concello de Foz se acorde das vespas velutinas, cando o Concello do Valadouro e o Concello de Alfoz levan anos loitando contra esta praga, que a Xunta de Galicia aínda non se dignou a recoñecer. Un concello debe ser ben xestionado tódolos días, con planificación, outra cousa significa a política errática, sen criterio e sen rumbo que nos ofrece o actual alcalde tódolos días.

Exit mobile version