Site icon Crónica3.com A Mariña

En xuño comezarán a acceder ao novo centro de atención a persoas maiores de Ribadeo os primeiros usuarios

 Ribadeo, 21 de maio de 2019. Hoxe celebrouse unha xuntanza da comisión mixta de valoración do novo centro de atención a persoas maiores de Ribadeo na que se supervisaron as 47 solicitudes de prazas presentadas. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, confirmou que 30 desas solicitudes que están conformadas coa totalidade do expediente e poden ser pasadas ao sistema de valoración. O rexedor adiantou que o vindeiro venres, 24 de maio, será asinado o contrato de xestión de servizos coa empresa Clece e será a partires de xuño cando os primeiros usuarios poidan ir accedendo a esta instalación.
Fernando Suárez contou que “con moita alegría e con moita satisfacción estamos dando un novo paso firme para a apertura e posta en marcha deste soño colectivo que significa o centro de atención a persoas maiores de Ribadeo”.
O alcalde explicou que “no día de hoxe celebrouse unha comisión mixta de valoración onde, despois de ter presentado 47 solicitudes, despois de que abríramos o prazo hai máis ou menos un mes, xa hai 30 destas solicitudes que están conformadas coa totalidade do expediente, con toda a documentación, e xa se poden pasar ao sistema de valoración. Esta comisión está conformada por técnicos, tanto do Concello de Ribadeo como da Deputación, e vai propoñer a aprobación desta primeira remesa de 30 persoas e vai establecer tamén a orde de entrada ao centro destes beneficiarios”.
O rexedor ribadense engadiu que “este venres se asinará o contrato de xestión de servizos entre a Deputación e a empresa adxudicataria Clece, polo que a partires destes primeiros días do mes de xuño poderán ir entrando os beneficiarios deste servizo público”.
Suárez Barcia lembrou que “este servizo público foi feito co alento de toda a veciñanza que nos apoiou nestes últimos anos, feito co esforzo económico e técnico da Deputación e máis do Concello de Ribadeo, e feito tamén a pesares das reticencias manifestas, e da non inversión dun can, por parte da Xunta de Galicia. Poucos días despois de ter recibido o PIA, o permiso de inicio de actividade, hai un mes e pico, abrimos os prazos, agora estamos avaliando as peticións, e o venres asinarase o contrato de funcionamento que garantirá ao mesmo tempo que tanto o Concello como a Deputación, en réxime de cooperación, terán a xestión e a dirección deste hotel de luxo, que é o noso centro de atención a persoas maiores de Ribadeo. Eu podo dicir que por estas cousas paga a pena ser un servidor público”.

Exit mobile version