Mondoñedo, 16 de maio de 2019. En Marea reivindica o dereito de todas as persoas a gozar de condicións de vida dignas trala xubilación, e comprométese a seguir traballando na defensa dun sistema de pensións público e de calidade. É a mensaxe que o voceiro, Luís Villares, e a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, deixaron en Mondoñedo. Ata onde ambos se desprazaron para participar nunha concentración convocada por pensionistas, xunto á candidata ás municipais de En Marea Mondoñedo, Chus Amieiro.
En Marea reafirma o seu compromiso coas demandas e protestas que os pensionistas están a impulsar nos distintos concelhos de Galicia. E reivindica un cambio nas administracións que deixe atrás a época dos recortes e desterre definitivamente as políticas antisociais que o Partido Popular ven impulsando nos últimos anos. “Por todos os concellos de Galicia está habendo manifestacións dos pensionistas reclamando pensións dignas. E é o momento de lembrar que a reforma das pensións do 2013 foi obra do Partido Popular, e que foi esa reforma do Partido Popular a que levou a unha perda de poder adquisitivo da nosa xente maior”. Son palabras de Luís Villares, que denuncia unha situación “absolutamente inxusta, despois de toda unha vida de traballo”.
O voceiro de En Marea compromete os esforzos da formación nas distintas institucións, así como os das Mareas locais, para impulsar políticas sociais de calidade, verdadeiramente comprometidas coa calidade de vida da cidadanía. Luís Villares lembra tamén que foi “a reforma a nivel local motivada pola Lei Montoro a que impediu que os Concellos puidesen facer mellores políticas sociais para atender sobre todo aos pensionistas, que se van desamparados na terceira idade por falta de recursos suficientes. Por iso nas eleccións do 26 de maio pedímoslle á cidadanía que lembre que foi o Partido Popular quen imposibilitou unha mellora das pensións para os nosos maiores. E quen impediu tamén que se puidesen facer políticas municipais para atender á xente maior. Por iso facemos un chamamento para impulsar unha política diferente da man das Mareas”.
Tamén Lidia Senra se comprometeu a seguir traballando dende Bruselas na defensa dun sistema público de pensións. “O primeiro que hai que facer dende a Unión Europea é retirar o Produto paneuropeo de pensións individuais, que fai que ter unha pensión digna dependa exclusivamente da capacidade de aforro que teñen as persoas ao longo da súa vida. A Unión Europea ten que retirar ese regulamento e traballar, xunto cos estados membros, para apoiar e reforzar os estados e a súa capacidade de manter sistemas públicos de pensións, e pensións públicas dignas. Esa é a nosa aposta para Europa”, reivindica a candidata de En Marea-Compromiso por Europa.
Senra lembrou o traballo realizado xa nos últimos anos no Parlamento europeo. E comprométese a seguir defendendo “orzamentos públicos capaces de garantir pensións dignas para todas as persoas. Levamos tempo traballando para botar abaixo o Produto paneuropeo. Porque pensamos que son os orzamentos públicos os que deben soster pensións dignas para todo o mundo”, reividica Senra. Que lembra que o dereito de todas as persoas a gozar dunha vida independente e autónoma na veloz está recoñecido pola Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.
Tamén a candidata á alcaldía de En Marea Mondoñedo, Chus Amieiro, de pronunciou na defensa dos dereitos dos maiores e comprometeu traballo para garantir unha atención digna. Amieiro reclamou prazas públicas para o asilo, o centro de día e o centro de atención a persoas con alzheimer. “Algo básico co nivel de pensións baixo que caracteriza á bisbarra”. E reafirmou a súa aposta por unhas políticas públicas capaces de garantir “unha vida digna aos nosos maiores”.